Saturday 04 de May de 2024

A Cidade da Cultura desenvolverá este ano 200 actividades culturais e un intenso programa de accións para apoiar a 6.000 emprendedores


O Programa Cultural da Cidade da Cultura para 2016, que prevé actividades nas que participarán 120.000 persoas, suporá a contratación de 136 empresas galegas, contribuíndo á dinamización do sector cultural

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que a Cidade da Cultura, na súa triple liña de traballo no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, desenvolverá este ano 200 actividades culturais nas participarán 120.000 persoas e organizará un programa de accións destinadas a impulsar o emprendemento en Galicia que permitirá apoiar a 6.000 persoas.

O Gaiás será de novo escenario de eventos de dimensión internacional, como o WOMEX 2016, a feira de ‘world music’ máis importante do mundo, ou o Spin’16, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, no que participarán un centenar de universidades de España, Portugal e América Latina.

Este programación permitirá dinamizar o sector cultural, coa contratación de 136 empresas galegas, e contribuirá a impulsar o tecido artístico a través da organización de eventos como o festival ‘Escenas do Cambio’, que tivo lugar no mes de xaneiro e febreiro, a sexta edición do ‘Encontro de Artistas Novos’, que este ano se adianta a finais de agosto, ou o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’, nos que artistas e bandas galegas teñen unha posición protagonista.

Programa expositivo
O programa expositivo do Museo Centro Gaiás iniciou este ano coa mostra ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que prepara a súa saída a Arxentina en abril, como un dos eventos da Feira do Libro de Bos Aires, este edición dedicada á cidade de Santiago. Tras esta mostra, a Cidade da Cultura porá a foco sobre a moda e o textil galego, sector no que traballan 13.000 persoas en Galicia. A mostra ‘Con-fío en Galicia’, aberta ao público do 11 de marzo ao 11 de setembro, destacará a creatividade e a excelencia empresarial da moda galega, con nomes como Inditex, Adolfo Domínguez, Sociedad Textil Lonia, Roberto Verino, Florentino, Caramelo, Kina Fernández, Sara Coleman, Eva Soto, José Castro ou Jorge Vázquez.

A exposición dedicada a conmemorar o centenario do nacemento do Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela será outro dos momentos centrais da programación cultural de 2016. A mostra, que chegará ao Museo Centro Gaiás procedente da Biblioteca Nacional de Madrid, será inaugurada o 11 de novembro e estará aberta ata o 19 de febreiro de 2017. Co título ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’ exhibiranse 300 pezas que permitirán recorrer a biografía e o universo literario do escritor galego.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia continuará coa súa actividade expositiva, na que ocupará un espazo protagonista a mostra do fotógrafo Xurxo Lobato ‘Rostros dun país’, que se presentará unha escolma de retratos creativos de persoas que trunfan nas súa respectivas áreas. Esta mostra abrirase ao público o 15 de xullo e pecharase o 18 de setembro.

No seu obxectivo de pór en valor os seus fondos, a Biblioteca e o Arquivo organizará preto dunha decena de mostras. O programa expositivo contará cunha intervención da artista Sonia Navarro Peralta nas Torres Hedjuk. As Hedjuk serán tamén o espazo onde intervirán os artistas Miguel Benjumea e Román Corbato, gañadores do concurso de proxectos do Encontro de Artistas Novos 2015.

Coa próxima apertura en primavera do Bosque de Galicia, a Cidade da Cultura porá en marcha tamén una serie de actividades que terán como obxectivo dinamizar este novo espazo. No programa deste ano prevese a organización de visitas didácticas para coñecer máis de preto esta área verde da cidade.

Aposta polo emprendemento
Un centenar de universidades de España, Portugal e America Latina participarán do 29 de setembro ao 1 de outubro no Spin’16, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamerica. Con máis de 100.000 euros en premios, o Spin reunirá a 2.000 persoas procedentes de 20 países diferentes e consolidará o Centro de Emprendemento do Gaiás como un dos espazos máis activos do norte de España na difusión da cultura emprendedora.

O Spin será a principal actividade dun programa destinado a favorecer o emprendemento no que se estima que participarán 6.000 persoas, que traerá de novo ao Gaiás eventos como as charlas TEDxGalicia, os Premios Gaiás Sixto Secto, as Xornadas Crea – Ti Podes Emprender!, o Curso de Creación de Empresas e o Servizo de Titorización de Empresas.

As actividades deste programa contan co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega, integrado polas empresas que formaban parte da Fundación Gaiás, e que co seu compromiso están facendo posible que a Cidade da Cultura sega ser un espazo de referencia no eido cultural e do emprendemento.